xoves, 27 de novembro de 2014

RECOMENDACIÓN LITERARIA DOS VENRES

Dicía Roald Dahl:
“Por riba de todo, mira con ollos curiosos este mundo que nos rodea, porque os mais grandes segredos están sempre ocultos nos lugares mais pequenos. Aqueles que non cren na maxia endexamais a atoparán“.
A nena á que non deixaban ser feliz
Luz Beloso, ilustracións
Miguel Ángel Alonso Diz, texto
Edt: A Porta Verde do Sétimo Andar, 2013.

martes, 25 de novembro de 2014

SABES CAL É ...

o nome que recibian as bibliotecas no Antigo Exipto?
Chamábanlles "os tesouros dos remedios da alma" porque grazas a elas podíase "curar" a ignorancia, a mais perigosa das enfermidades.

domingo, 23 de novembro de 2014

CONTOS DE LUNS. I PREMIO DE RELATO DE TERROR. " DAME MEDO"

Nesta ocasión temos cinco contos de luns que foron os premiados no I Premio de Relato de Terror "Dame medo". A nosa noraboa aos cincos premiados e premiadas, polas súas terrorificas historias, e o noso agradecemento a todos e todas os participantes.
TÍTULO: O PESADELO DE PEDRO
AUTORA: AINOHA 3ºB
Había unha vez un neno chamado Pedro que vivía nun pobo chamado a vila do terror. Chamábase así porque enriba dun outerio había un Castelo rodeado de tumbas e de néboa.
Un día Pedro díxolle unha mentira a súa nai para poder ir ao Castelo cos seus amigos.
Díxolle que ía ao parque. Súa nai estaba moi preocupada por el , pois pasaban as horas e Pedro non volvía. El distraeuse, os seus amigos marcharon e Pedro quedou só.
De repento empezou a entrarlle medo, mais ben pánico. Oía voces por todoas partes, vía teas de araña e asustouse moito ao sentir ruidos estranos.
Pechouse nunha habitación, onde había unha Caixa xiante. Mirou dentro e … había sangue e ósos!
Estaba moi, pero moi asustado, saiu da habitación e alguén o colleu e o meteu nunha caixa xigante.
O ruido da caixa ao cerrarse fixo que Pedro se despertara e deuse conta de que todo era un PESADELO!
TÍTULO: O VAMPIRO QUE SAE POLAS NOITES
AUTORA: LIZANHE 4ºA
Un día uns nenos xogaban moi ledos no parque ata que, de repente, atoparon unha nota escrita pegada no chan que dicía:
“Esta noite vai vir o VAMPIRO voando. Cerren todas as portas con chave.”
Os rapaces contárono ao chegar á casa. O pai dun deles dixo: - eso non é certo.
Entón, foron durmir e deixaron as portas e as ventas abertas, sen pechar. Quedou todo aberto.
Cando chegou o VAMPIRO decidíu marchar sen entrar, xa que con sol os vampiros non ven. Entón, o pai dos nenos, que era algo presumido e quería sempre saírse coa súa, díxolles: - Vedes, non pasou nada.
Os rapaces continuaron indo ao parque. Xogaron no escorregadoiro. Antes revisaron todo o parque: o escorregadoiro, o bambán, a tirolina … e non atoparon nada.
Pero ao final miraron dentro dun libro que había nun banco e alí había outra nota. A nota repetía o mesmo que puxera a nota anterior:
“Esta noite vai vir o VAMPIRO voando. Cerren todas as portas con chave”
Cando chegaron á casa o pai recordoulles como o día anterior non pasara nada. Repetiron o mesmo. Durmiron sen pechar as portas. Pero esta vez, o VAMPIRO conseguiu entrar. Acercouse voando ata a habitación dun dos nenos.
O rapaz estaba durmindo, despertou co ruído e botou a correr. Foi avisar ao seu pai e este, colleu unha escopeta e fixo fuxir ao VAMPIRO.
Nunca máis volveu, paero a partir daquela, a familia dorme sempre coas portas e as ventas pechadas. Por se acaso.
TÍTULO: “O EXPERIMENTO 84-B. A ORIXE DE SLENDERMAN”
AUTOR: CARLOS 4ºA
Había unha vez un rapaz moi solitario. Non tiña amigos no colexio, na casa rifaba moito coa súa nai. Era un pouco rebelde.
Un día pasou por un calexón e alí atopouse cun científico algo tolo. Falaron os dous e Uxío, o rapaz, contoulle o que lle pasaba. O científico, que se chamaba Ulises, díxolle a Uxío que non debía malgastar a súa vida. El acababa de descubrir un novo experimento e quería probalo con Uxío.
Era o experimento 84-B.
Pero o experimento saíu mal. Uxío convertiuse nun monstruo: non tiña cara, non necesitaba ollos, nin orellas, nin nariz, nin boca e non necesitaba osíxeno.
Levaba un traxe negro, unha camisa branca e unha garavata vermella. Nacera Sledan.
Ao pouco tempo, saíronlle uns tentáculos na espalda. Acercouse un policía que cando o viu aparecer botou a correr. Sledan non o podía chamar e correu detrás del, pero non puido alcanzalo. Entón, as súas pernas empezaron a alargarse e, por fin, logrou alcanzalo. Entón un dos tentáculos de Sledan atavesou ao policía e morreu.
Cuberto de sangue, Sledan empezou a correr e foi cara ao bosque para agocharse e non matar a ninguén. Ao bosque ían tamén rapaces coas súas bicis.
Para comunicarse con eles Uxío usaba notas, pero si ao final se acercaba a algún deles, os seus tentáculos o mataban.
Dende entón vive no bosque aillado de todos. Ninguén se atreve a pasar por alí, por si se atopan con el.
Esta é a orixe da lenda de Sledan. Ata que alguén o volva a convertir en Uxío.
TÍULO: “O ASUSTADOR ASUSTADO”
AUTOR: IKER 4ºB
Unha vez unha nai viuva díxolle ao seu fillo:
-Vou facer un recado, non lle abras a ninguén.
-Vale, non lle abro a ninguén. Pero , e a ti? – dixo o fillo.
-Tranquilo, levo chaves – díxolle a nai.
E o neno quedou só.
Cando o neno notou que a súa nai voltaba, agachouse no armario para darlle un susto.
A nai asustouse moito e púxose a buscar ao seu fillo.
Mentres no armario, cando o neno ía saír, caeu para atrás e quedouse durmido.
Soñou que era tragado por unas cousas viscosas, ademáis os pantalóns eran serpes de dúas cabezas, os xerseis gruñían coma zombis sen cabeza, e que os gorros eran as cabezas dos zombis que se movían arredor del cunha risa malvada.
Cando de súpeto espertou, estaba nunha cama coa súa nai.
A súa nai muiñoulle:
-Que susto me deches! Que facías metido nun armario?
-Sintoo moito, quería darche un susto, e non sei que me pasou – respondeu o neno.
-Soñaches algo mentres durmías? – preguntou a nai.
- Si, pero eran cousas moi arrepiantes, que é mellor esquecer.
E o neno deulle unha forte aperta á nai.
Desde entón, non voltou a esconderse no armario, e cando ten que coller roupa no armario abre as portas de par en par e prende a luz que a nai colocou dentro.
TITULO: OS DOUS VALS
AUTOR: NICOLAS 4ºB
Fai moito tempo nunha casiña vivían tres nenos chamados, Andrea, Nicolás e Xaquín. Vivían nun val de flores moi bonitas e ao carón daquel val había outro que, no que todo o mundo que entraba non regresaba.
Seu veciño, que se chamaba Xosé e era moi sabio, dicía que naquel val había un cemiterio no que moraban zombis e que estaba vixíado por un home que tiña a cabeza de cabaza , e moi mal xenio. Tamén vivía nunha cova moi escura un dragón moi, moi malvado.
Un día soleado, os nenos saíron a xogar coa súa pelota, cando xa estaba escurecendo, se lles escapou a pelota para o outro val.
Os nenos comenzaron a discutir quen ía a buscala e ao final decidiron ir os tres xuntos.
Ao chegar ao outro val viron que a pelota estaba diante da cova do dragón e para chegar tiñan que atravesar o cemiterio e o bosque cheo de pantasmas.
Entraron no cemiterio e déronse conta de que das tumbas saían os zombis.
Os nenos comezaron a tremer de medo e de súpeto, Nicolás atopou unha espada no chan. Colleuna e comezou a loitar contra os zombis e logo poideron saír e adentraronse no bosque.
Interpúxose no seu camino o home con cabeza de cabaza.
-Ja, Ja, Ja! A onde iran estes nenos? – dixo o home cabaza.
-Imos buscar a nosa pelota – dixeron os nenos.
-Para poder pasar teredes que adivinar esta adiviña. Ja, Ja, Ja – dixo o home cabaza.
É colorado,
Non toma café,
E sempre toma té.
Os nenos puxéronse a pensar … e Xaquín comenzou a dicir:
-Seino, seino! É tomate!- dixo.
-Sodes uns rapcaces moi listos, terei que deixarvos pasar, pero tede coidado co dragón – dixo o home cabaza.
Despois, estaban moi ledos porque saíran do bosque e intentaron coller a pelota sen espertar ao dragón. Pero de súpeto o dragón espertou, e os nenos comezaron outra vez a tremer de medo.
O dragón díxolles que non tiveran medo porque en verdade, era un pobre campesiño , ao cal unha meiga lanzáralle un feitizo.
Para romper o feitizo tiñan que darlle un bico ao dragón. Andrea moi valente deulle o bico e entón o dragón transformouse nun campesiño. Despedíronse del, colleron a pelota, e marcharon para a súa casa.
E déronse conta de que ao romper o feitizo desapareceron os zombis, as pantasmas e o home cabaza.
E foron felices para sempre.

xoves, 20 de novembro de 2014

A NOSA RECOMENDACIÓN LITERARIA DOS VENRES.

Trátase dun dos libros mais fermosos da literatura universal. "O Principiño" foi escrito polo autor francés Antoine de Saint-Exupéry.
Este escritor era aviador de profesión. Foi un do pioneiros dos voos postais internacionais, cando os avións non eran tan seguros como os actuais.
Participou como aviador en dúas guerras, a Guera Civil Española e a II Guerra Mundial.
Case toda a súa obra literaria vese influenciada polo feito de ser piloto de avións. No libro que hoxe recomendamos "O Principiño", o autor imaxínase varado no medio do deserto, onde coñece ao principiño, un neno que ven dun asteroide.
É tal a importancia desta historia na literatura universal, que un asteroide leva o nome de Saint-Exupéry.
O 31 de xullo do ano 1944, durante unha misión de recoñecemento, a bordo do avión Lighting P38 (Iluminación P38), os radares deixaron de percibir o sinal do seu avión, e nunca mais se soubo do autor do Principiño. Mais deixounos unha historia maravillosa, que se vos parades a lela detidamente, veredes que fala de cousas tan importantes como o amor, a vida, a morte, a amizade.
Se vos animades a lelo, logo podemos facer unha xuntanza e falar todos do que mais nos gustou deste libro.

martes, 18 de novembro de 2014

SABES CAL É ...

... a libraría mais fermosa de Europa?
Está en Oporto (Portugal), chámase "Libraría Lello e Imao". Tanta é a maxia que envolve a esta libraría, que serviu como escenario para rodar algunhas das películas de Harry Potter. Aquí tedes unha fotografía. A que é fermosa?

domingo, 16 de novembro de 2014

CONTOS DE LUNS

Empezamos a semana con dos cortos de animación que nos contan dúas historias moi fermosas. E como toda boa historia, espero que provoque en vós sentimentos, emocións, pensamentos ... "O vendedor de fume" é para o segundo e terceiro ciclo; "A lúa" é para EI e o primeiro ciclo de EP.
Espero que vos guste.
Draco.

O vendedor de fume

The Moon La Luna

xoves, 13 de novembro de 2014

RECOMENDACIÓN LITERARIA PARA A FIN DE SEMANA.

"Escarlatina, a cociñeira defunta", de Ledicia Costas, ilustrado por Víctor Rivas, é o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014
Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.

martes, 11 de novembro de 2014

SABES CAL É ...?

...O CONTO MAIS CORTO?
"Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí."
do escritor hondureño Augusto Monterroso.

sábado, 8 de novembro de 2014

xoves, 6 de novembro de 2014

RECOMENDACIÓNS LITERARIAS PARA A FIN DE SEMANA

BANDA DESEÑADA. Marcopola e a illa remeira 3. Autor: Jacobo Fernandéz Serrano. Edicións Xerais.
Por fin o alquimista Brisgovius deu coa apócema máxica. Xa ten lista a beberaxe que fará da malvada Demoneta un ser invencible capaz de voar e de cuspir lume pola boca. Demoneta transformarase en Dragoneta, e ninguén no mundo estará a salvo! Que será de Marcopola e de Libro? Que vai ser agora de todos nós?

ARTE





E xa que os nenos e nenas da aula de 3 anos estades pintando obras de Joan Miró, neste video poderedes coñecer a súa vida.

Espero que vos guste!

martes, 4 de novembro de 2014

Arte.

O Land Art é unha corrente artística que xorde nos anos 70 do século XIX. Mentres que noutras expresións artísticas a obra nace nun espazo pechado, no LandArt a obra nace por e para participar da natureza. Os artistas usan a paisaxe como soporte, da mesma forma que un pintor usa un lenzo. Os materiais encóntranos na propia natureza: pedras, area, ramas... Hai obras de tamaño monumental como as do artista Christo
e outras mais pequenas como:
É unha arte efémera, isto quere dicir que non sobrevive ao paso do tempo, xa que desaparece debido á erosión que a terra, a chuvia, as mareas, o vento... producen na obra. Por iso, é tamén unha obra en continua transformación. A forma de conservala na memoria, é en ocasións, a través da fotografía. Normalmente o Land Art inspírase na arquitectura antiga ou nos sitios sagrados do pasado. Os artistas cavan gabias, sucos ou cimas;fan grandes movementos de terra usando escavadoras ou camións. Constrúen ramplas e envolven edificios ou rochas. Esparexen cores en praias ou desertos. Colocan pedras, ou simplemente fan espirais con algas. Igual que facían os primitivos, os deseños do Land Art son sempre sinxelos: liñas rectas, zigzag, círculos, cadrados, espirais... A través de formas simples, estes artistas intentan facernos pensar sobre a relación entre o ser humano e a natureza. Na seguinte entrada podedes ver un video de Land Art. Espero que vos guete.

Landart Movie - Creations in Nature 2009