NOVIDADES

NOVIDADES
Consulta neste Padlet as novidades da nosa biblioteca.

mércores, 22 de febreiro de 2017

ROSALÍA DE CASTRO. CAMPANAS DE BASTAVALES.

Este fermoso poema de Rosalía de Castro titúlase "Campanas de Bastavales". Estas campás pertencen á Igrexa de San Xoán de Bastavales no municipio de Brión (A Coruña). 










 O POEMA
05/08/10
Campanas de Bastabales

   Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.

I
Cando vos oio tocar,
campaniñas, campaniñas,
sin querer torno a chorar.

   Cando de lonxe vos oio,
penso que por min chamades,
e das entrañas me doio.

   Dóiome de dor ferida,
que antes tiña vida enteira
i hoxe teño media vida.

   Sólo media me deixaron
os que de aló me trouxeron,
os que de aló me roubaron.

   Non me roubaron, traidores,
¡ai!, uns amores toliños,
¡ai!, uns toliños amores.

   Que os amores xa fuxiron,
as soidades viñeron...
De pena me consumiron.

II
Aló pola mañanciña
subo enriba dos outeiros
lixeiriña, lixeiriña.

   Como unha craba lixeira,
para oír das campaniñas
a batalada pirmeira.

   A pirmeira da alborada,
que me traen os airiños
por me ver máis consolada.

   Por me ver menos chorosa,
nas súas alas ma traen
rebuldeira e queixumbrosa.

   Queixumbrosa e retembrando
por antre a verde espesura,
por antre o verde arborado.

   E pola verde pradeira,
por riba da veiga llana,
rebuldeira e rebuldeira.

III
   Paseniño, paseniño,
vou pola tarde calada
de Bastabales camiño.

   Camiño do meu contento;
i en tanto o sol non se esconde,
nunha pedriña me sento.

   E sentada estóu mirando
cómo a lúa vai saindo,
cómo o sol se vai deitando.

   Cál se deita, cál se esconde
mentras tanto corre a lúa
sin saberse para dónde.

   Para dónde vai tan soia,
sin que aos tristes que a miramos
nin nos fale, nin nos oia.

   Que si oíra e nos falara,
moitas cousas lle dixera,
moitas cousas lle contara.

IV
   Cada estrela, o seu diamante;
cada nube, branca pruma;
triste a lúa marcha diante.

   Diante marcha crarexando
veigas, prados, montes, ríos,
donde o día vai faltando.

   Falta o día, e noite escura
baixa, baixa, pouco a pouco,
por montañas de verdura.

   De verdura e de follaxe,
salpicada de fontiñas
baixo a sombra do ramaxe.

   Do ramaxe donde cantan
paxariños piadores
que ca aurora se levantan.

   Que ca noite se adormecen
para que canten os grilos
que cas sombras aparecen.

V
   Corre o vento, o río pasa.
Corren nubes, nubes corren
camiño da miña casa.

   Miña casa, meu abrigo;
vanse todos, eu me quedo
sin compaña nin amigo.

   Eu me quedo contemprando
as laradas das casiñas
por quen vivo suspirando.

   Ven a noite..., morre o día,
as campanas tocan lonxe
o tocar da Ave María.

   Elas tocan pra que rece;
eu non rezo, que os saluocos
afogándome parece
que por min tén que rezar.
Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.



Con parte deste poema fixo, o cantautor Amancio Prada, esta fermosa canción.





Ningún comentario:

Publicar un comentario