mércores, 31 de maio de 2017

O PROXECTO ÁFRICA EN VOZ NATURA.


Tedes que estar moi orgullos@s do voso traballo, sen o esforzo de tod@s non sería posible e, non hai maior logro que o que se fai en equipo.

 SODES FANTÁSTIC@S E FACEDES QUE NOS SINTAMOS MOI ORGULLOSOS DO NOSO COLEXIO.

NORABOA A TOD@S!!!


















martes, 30 de maio de 2017

SABEDES QUE...

HAI ALGUNHA CURIOSIDADE DO CONTINENTE AFRICANO QUE AO MELLOR NON COÑECEDES?

Pois aquí tedes algunhas como o significado da palabra áfrica. Que é ben fermoso:



O nome de África provén do latín e quere dicir "sen frío".

- Ten un total de 54 países e 9 desertos. Tamén o segundo río máis longo do mundo está neste continente: o Nilo (máis de 6.000 quilómetros de longo).




- No continente africano fálanse unhas 1.500 linguas diferentes repartidas en catro familias lingüísticas. Ademais destas, fálanse outros idiomas: inglés, francés, portugués e español como consecuencia da colonización.





- A maior concentración do mundo de elefantes está no parque nacional de Chobe, en Botsuana.





- En África atopáronse os restos de humanos máis antigos do mundo. En concreto, en Etiopía achouse unha mandíbula con 2,8 millóns de anos.






- En África está o cemiterio de barcos máis grande do mundo. Atópase na baía de Nouadhibou, en Mauritaria, e ten máis de 300 "esqueletos de aceiro".




luns, 29 de maio de 2017

RECOMENDAMOS

Seguimos coa nosa cita dos libros e o cine.
Non sempre temos que estar de acordo co que lemos, pensar do mesmo xeito que o escrit@r, pero é iso precisamente o que nos fai máis libres de pensamento, coñecer outros modos de pensar.
Esta escena pertence á película "Un rei en Nova York", e do ano 1957. O guión e dirección é do actor Charles Chaplin, que o veredes nesta escena actuando co seu fillo.
Tamén observaredes que moitas das cousas que conta o neno, nunha película de hai 50 anos, seguen estando de actualidade por desgraza.



xoves, 25 de maio de 2017

NORABOA

NORABOA @S ALUMN@S, TITORAS E FAMILIAS QUE FIXECHEDES ESTE IMPRESIONANTE E FERMOSO TRABALLO DO "PROXECTO SEMENTE".
TOD@S NO COLEXIO ESTAMOS MOI ORGULLOS@S DE VÓS



E XA SABEDES TOD@S MAÑÁ POLA TARDE AO OBELISCO A PASAR A TARDE COS NOS@S COMPAÑEIR@S DE 4º A E B.



ESTO VAI POR VÓS




AS NOSAS LETRAS E OUTRAS NOVAS.




Este venres o cuarto  é da escritora:
Resultado de imagen de rosa enriquez escritora galega


 Rosa Enríquez





Non son nai. Endexamais quixen selo e estou ben contenta. Non ter fillas que educar permitiume manter a liberdade da que podía gozar, máis ou menos, aos vinte anos. Haberá quen moralice con isto e considere que son egoísta. Sono realmente? Eu non o vexo así en absoluto, e, francamente, éme indiferente o que se comente a respecto deste particular. Como diría Despentes, non escribo para nais abnegadas, nin para todas esas que, en xeral, fan, ou fixeron, o que se agardaba delas. Respecto o seu lugar, pero eu non estou aí nin tampouco non quero estalo. Prefiro non facer oposicións entre normal e raro, para, no seu lugar, contrapoñer frecuente a escaso, aínda que, a día de hoxe, talvez xa non sexamos tan poucas as mulleres que non contemplamos a maternidade como algo determinante para “realizarnos” nesta vida. O feito de representar o que a sociedade posmoderna define como “single”, con certos hábitos burgueses dos que me resulta difícil substraerme, e, sinceramente, tampouco teño gran interese en facelo, entre outras cousas porque me permiten desfrutar do cinema, da fotografía, alén doutras moitas manifestacións estéticas, xerou en min un proceso de autodeterminación emocional que se foi facendo máis e máis forte co paso dos anos. É esta especie de “autarquía” na que vivo a que maior pracer me dispensa. Daquela, máis que un espazo físico -ese cuarto propio tan necesario, certo é, non só para escribir mais para ler e pensar-, creo que conquistei un territorio mental, libre de colonización, que me custou moitos anos conseguir. Esta imaxe que vedes é unha materialización parcial do sitio no que escribo os artigos, mais tamén podo desfrutar da devandita “autarquía” en espazos públicos, que son ben máis estimulantes para min. Refírome, por exemplo, á biblioteca do instituto no que traballo, que, en certo xeito, deveu para min ese cuarto impropio, pero suxerente, no que ler o que me apetece nas horas libres. Fáiseme agradábel comprobar que hai máis persoas alí que tamén len e que son moi novas. Leña verde a piques de florecer e deixar pegada, ou así me gusta pensalo a min. Tamén leo no bus, no tren e na casa de miña nai ou dalgunha amiga que me convida a durmir de cando en vez. O feito de aprender, ese intre no que “descubro” algo que ignoraba, ten para min a categoría de “acontecemento”. Por suposto é este un “acontecemento” modesto, na medida en que non ha provocar mudanzas relevantes na vida dos demais. Tal pretensión sería ridícula pola miña parte, malia ter moi presente que este tipo de revolucións internas son as que propiciarán outras máis importantes que favorezan a vida da comunidade. No entanto, mentres esta concienciación colectiva non se produza, sei que aprender me facilitará o acceso á unha felicidade distinta da que me venderon case todas as persoas que coñecín en todos os lugares aos que acudín. Refírome a unha felicidade moi simple que, finalmente, aprendín a valorar e que eu asocio coa liberdade. Non son nai por vontade propia. Non estou casada porque non quixen. Non escribo poemas dende hai meses porque non me apetece. Leo, fundamentalmente. Vou ao cine todas as semanas. E amo a xente que sabe amarme. Á que non, éme indiferente. Teño claro, por tanto, que amar en liberdade é o único cuarto propio que pode interesarme neste momento.



martes, 23 de maio de 2017

luns, 22 de maio de 2017

RECOMENDAMOS

Ola a tod@s:
Sodes moi pero que  moi list@s, sempre acertades todo: as adiviñas, os problemas matemáticos… pero sobre todo sodes moi b@s poetas.
Gustáronme tanto e gocei tanto lendo os vosos poemas que os quixen colgar na nosa árbore da biblioteca.





Tamén gozou moito da súa lectura a miña avoa Palindra , pero quen máissss gozou foi Lucinda, aínda segue comendo chocolate de tanto que lle gustaron os vososssss poemassss. 
Por certo, fixen unha pillería esta fin de semana e collín prestado este libro que me gustou moito:








Si vos apetece lelo, logo podemos partillar un pouco sobre o Polbo Xigante esssste.
E falando de cousas graciosas, a ver se sabedes rematar este chiste?

Caperucita Vermella casou co príncipe azul e tiveron un fillo …….
Podedes deixarme a resposta onde sempre, xa pasarei a recollela



Deixovos que teño que facer a cea, asssss tripasssss están facendo uns ruidos moi estranosssssss.



Bicos de gnomo. Sempre co nariz.

sábado, 20 de maio de 2017

DOCUMENTAL.



Hoxe na nosa sección de "Contos Curtos" ides ver un documental titulado "Ese soy yo". Estamos seguros que non vai a deixarvos indifirentes e que debería provocar en vós unha reflexión sobre o voso futuro e, de que sodes quen de poder cambiar a mellor moitos aspectos da nosa sociedade que precisan un cambio para mellorar tod@s xunt@s. Tamén para que valoredes aspectos das vosas vidas que credes como normales e que en moitas partes do  mundo non forman parten da normalidade. 
Esperamos de vós esa reflexión.






xoves, 18 de maio de 2017

AS NOSAS LETRAS E OUTRAS NOVAS.

Nos vindeiros venres nesta entrada coñeceredes o cuarto no que escriben as súas historias moitas das nosas escritoras galegas. Estes pequenos relatos son unha idea do colectivo de mulleres chamado "A SEGA"  que é unha plataforma de crítica literaria no que se quere dar voz á literatura escrita, pensada e imaxinada por escritoras.





Como din elas: O tempo é chegado de okupar con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade.


primeiro cuarto é o de María Canosa





Non subín aínda as persianas. Intúo que fóra vai frío e tamén hai luz, mais eu mantéñome nesta sorte de burbulla illada, ás escuras, en silencio. É cedo. Pero hoxe quero escribir. Un texto. Este texto. Este pequeno texto. Por iso me erguín cando o frío nos pés ameazaba con agasallarme unha catarreira máis. Deixei a cativa na cama, na miña cama, tapada. Durmida nunha placidez admirable. Pasou unha mala noite, eu unha peor.


Non me mirei sequera no espello, vin directamente aquí, á mesa da sala, que habilitei como lugar de escrita esta tempada. Porque xa non teño ese lugar, o lugar, e, ás veces, tampouco teño escrita. Ou si. Non material, pero... as historias, as palabras andan sempre aboiando en min, no meu interior. 


Eu fun, ou son, unha muller viaxeira, nai, pluriempregada, parada de longa duración, traballadora por conta propia e allea. Ao longo da vida pasei por diferentes etapas, diferentes lugares, diferentes espazos. O único que permaneceu foi a teima de observar, cazar historias, inventalas, soñalas... Podo imaxinarlle unha vida a calquera persoa que cruce pola rúa e esa é a miña escrita, construír ese mundo especial e excepcional para esa persoa que se volveu personaxe. Claro que, ás veces, non chega a materializarse nunha presada de letras escritas. Porque... Onde escribo? Cando? Como?


Escribo en cadernos, tamén no ordenador. Prefiro, sen dúbida, a escrita a man. Pero... por que? Quizais porque os podo levar no bolso, no coche, no peto do abrigo... e, se saco cinco minutos, é sinxelo facer anotacións nunha cafetaría, no banco do parque, apoiada no cadro de mando do coche. Ás veces séntome a esta mesa, tamén na que teño arriba, no meu cuarto propio, onde o frío de inverno non me axuda a estar, ou na grande que hai abaixo... Teño un cuarto de meu aquí, na casa paterna, onde vivo agora. Mais no que é a nosa casa, vai ser complicado atopar espazo. Cando vivimos en Ourense, non o tiña, e mais escribín igualmente. 


Ás veces pregúntome por que esa teima de seguir dándolle ao lapis. Escribir é unha opción moi solitaria. Non o feito da escrita en si, que tamén, eu refírome á soidade da profesión. Para comezar, porque moi poucos o entenden como tal. Escribir, desde fóra, parece unha distracción, un divertimento. Desde o meu interior, un acto de fe, de compromiso, de amor. 


Viaxei moito e agora fágoo pouco. Levei os cadernos na maleta e falei das cidades que me impactaron nalgún dos escritos. Traballei en varias actividades á vez. A miña vida era un crebacabezas no que todo coexistía facendo encaixe de Camariñas. Entre alfinete e alfinete, liberaba a tensión producida por vivir apurada escribindo. Logo quedei sen traballo e as palabras tamén se me pararon no interior. Sentábame a escribir e non era quen de facelo. Mais un día, soou o DisParo no interior e acabei por deixar manar o regato que me minaba por dentro. Foi como berrar en silencio. Naceu Ana, a nosa pequena, e o mundo tornou diferente. As prioridades, as necesidades, os tempos... todo mudou. Menos a necesidade de escribir. Quizais con outra visión, quizais doutro xeito, mais escribir. 


Ana non durmía. Polo tanto, eu tampouco. Axeitar os horarios á enerxía vital foi, simplemente, imposible. E aínda que puidese facelo... sería entre cueiros, purés de verduras, manchas de froita, axóuxeres, toneladas de roupa por lavar e acabada de lavar, con engurras ou despois de pasarlle o ferro, cereais, leite, babas, colonia de bebé... Imposible concentrarse nesa xungla, nin os sons nin os olores nin a desorde me permitiría atopar un dos cadernos baixo o monte de xoguetes desordenados. 


Mais o tempo pasa e Ana tamén medrou. E cando parecía que o pequeno universo da nosa vivenda ía collendo certa organización, conseguín traballo por conta allea. E, como de escritora non podo gañarme a vida, saímos da casa. A pequena e eu trasladámonos a Cee, cos avós maternos, e o meu home quedou alí. Por pouco tempo, porque como a realidade laboral está como está e é como é, tivo que trasladarse tamén. 


Xa nos separaban 600 quilómetros. 
Polo tanto, durante a semana, eu traballaba unhas doce horas diarias. Sería imposible facelo sen a axuda dos avós, que hipotecaron a xubilación para coidar da neta. Facía uns 300 quilómetros diarios e tentaba ir comer a casa un par de días á semana. Ao chegar, xa de noite, só quería ver a Ana. Cando durmía... o cansazo aparecía de vez. Non, minto, non era cansazo, era esgotamento. Completo. Físico e mental.


O venres, recollía a nena e facía 200 quilómetros máis. Da outra parte, Alejandro facía o dobre. Era o único xeito de xuntármonos e poder pasar o sábado os tres, tamén parte do domingo, día no que desfaciamos o camiño novamente. 


Maletas, viaxes... o tempo esfumábase. Escribir tres liñas era practicamente misión imposible. Con todo, de cando en vez acaban saíndo. 


E de súpeto, acabouse o traballo. Así que prometemos reunificar o núcleo familiar. E así faremos. Mentres, sepárannos cen quilómetros que, vindo de onde viñamos, é un luxo. Pero... as maletas, os tempos, as viaxes... seguen restando tempo da nosa vida.


Con todo, agora, en paro, a vida volveu mudar. Adáptome aos horarios do colexio da cativa. Pero iso significa estar desorganizada todo o día. Preparar a roupa, a merenda, o mandilón... Quédanme algúns minutos pola mañá e outros pola tarde, para riscar algún texto, aínda que, concentrarse entre clase e clase resulta complexo. 


Acabo, como non, escribindo con Ana ao meu carón. Se me ve prender o ordenador xa se achega, a ver se lle poño unha canción.


-          Aniña, por favor, xoga un pouco soa. –E síntome mal. 


Por suposto, continúo sen poder vivir da escrita, polo que teño que intentar facer algún outro traballo, por conta propia... Compaxinar todo iso é complexo. 


Os cadernos, con todo, seguen ao meu carón, por se nun despiste quedan cinco minutos libres, case que dentro do coche mentres agardo, e dou enfiado unha ducia de palabras con xeito. Ah. Iso si. Cando poida xubilarme, hanme reclamar os dereitos de autor. 


Con todo, hai algo que me di que intentar seguir sendo eu, apañar tempo en anaquiños onde non o hai para xuntar letras, está ben. Porque non hai moito, cando Ana me viu concentrada sobre un caderno pequeniño, no que eu escribía con letra miúda, como se non quixera descubrir o que realmente fago, agochada e acochada nun currunchiño, achegouse silandeira e debruzouse sobre as súas manciñas a observar.


-          Que fas, mami? –acabou preguntando.
-          Escribo.
-          Xa. E acabaches?
-          Non, Ana. Aínda queda moito –dixen supoñendo que o que quería era que fose xogar con ela. 
-          Pois a ver cando acabas o conto, para mo ler. 


 Con iso convencinme de que, todo o tempo que dedico á miña teima de xuntaletras, está ben empregado.

SE QUEREDES LER ALGÚN DOS SEU FERMOSOS LIBROS PREGUNTADE NA BIBLIOTECA.